Nestes tempos difíciles para todos e todas quero compartir unha serie estratexias ou pautas que poden axudar a esas familias que, ademais de ter que superar a corentena, teñen tamén o reto de superar as dificultades propias do TDAH (exceso de enerxía acumulada, as dificultades de atención, escasa autonomía, problemas coa xestión do tempo...).
Durante a cuarentena, debemos manter na medida do posible unhas rutinas e horarios o máis semellantes aos habituais. No noso horario debe incluir: tempo para o descanso, para as comidas, para o traballo escolar, para a actividade física e para o ocio.
Traballar a autonomía
A adquisición de autonomía por parte dos nosos fillos e fillas é una constante ao longo de todo o seu desenvolvemento cara a vida adulta. Entre as tarefas que debemos potenciar porque fomentan a autonomía están: vestirse, ducharse, gardar a súa roupa e cousas e realizar tarefas domésticas axeitadas á súa idade. Unha posible tarefa que podemos realizar para fomentar a realización de tarefas domésticas pode ser comentando o vídeo "Una familia muy normal" e despois facer unha reflexión conxunta sobre o reparto das tarefas na casa.
A Fundación Cadah ten á nosa disposición varios artigos sobre como ensinar hábitos de autonomía aos nosos fillos e fillas.
Xestionar os tempos⏰
Para chegar á autonomía e a unha autoxestión do tempo, é importante comezar axudando ao noso fillo ou filla neste aspecto.
Como en todo o que implica a adquisición de autonomía, deberemos partir do necesario, e ir eliminando pouco a pouco a nosa intervención a medida que vai sendo posible.
Un momento estupendo para a planificación do día é durante as comidas: O almorzo para organizar a mañá, o xantar para organizar a tarde e a merenda para a noite (ou pódese facer toda a planificación durante o almorzo). Nestes momentos falaremos sobre as cousas que temos que facer durante o día e as cousas que queremos facer. Eu sempre parto da premisa de "primeiro o deber e logo o pracer".
Nalgúns casos é suficiente con verbalizar e axudarlle a organizar e ordenar as tarefas a realizar. Noutros, é bo plasmar esa planificación por escrito nalgunha grella ou listaxe de tarefas na que os nenos irán marcando cun ☒ as tarefas realizadas.
Pódese facer a man ou se preferides aquí tedes algún modelo descargable:
Por outro lado, é importante facerlles conscientes do paso do tempo. Para iso é fundamental que dispoñan de dispositivos que llo amosen como poden ser os reloxos ou temporizadores como os que amosamos a continuación:
Na web:
Ou descargando algunha aplicación no móbil ou tablet:
Xerar emocións positivas na casa
Un hábito moi recomendable que fomenta o diálogo e a comunicación en familia ademais de contribuír a xerar emocións positivas é o de dedicar 1 ou 2 minutos diarios a escribir as 3 cousas boas que nos pasaron ao longo do día. Deben ser 3 cousas diferentes cada vez e as escribiremos nun diario de gratitude. Podemos poñelo en práctica durante a cea, ou no momento de ir á cama
Segundo o psicólogo e experto en felicidade Tal Ben-Shahar, a finalidade é
incorporar o hábito de ver o vaso medio cheo e non medio vacío, algo
que é fundamental para transformar emocións negativas en positivas.
Xerar mentalidade de crecemento
As persoas que teñen mentalidade fixa cren que as súas capacidades son estáticas e que non as poden cambiar ("Eu son bo nisto, eu son malo nisto"). Evitan os desafíos por medo ao fracaso. En cambio, as que teñen mentalidade de crecemento cren que coa práctica e a repetición se pode mellorar, e valoran os erros como parte da aprendizaxe e do proceso de crecemento.
Debemos sempre fomentar a mentalidade de crecemento dos nosos fillos valorando o proceso e non só o resultado. No seguinte vídeo Carol Dewck, psicóloga e investigadora nos fala como a mentalidade de crecemento pode cambiar a vida dun neno.
Todos os días debemos reservar un tempo para o movemento e liberar a enerxía acumulada ao non poder saír da casa. Este é un momento estupendo para realizar actividade física en familia. Podedes atopar algunhas propostas na entrada publicada hai uns días "Móvete na casa" ou na web do cole no espazo dedicado á Educación Física.
Facer actividades de relaxación
Así como hai momentos do día nos que é necesario descargar adrenalina e realizar actividade física, haberá outros momentos en que teñamos que baixar ese nivel de activación.
Unha práctica moi recomendada é o Mindfulness. Premendo na imaxe podes atopar información sobre a súa práctica con nenos e nenas.
Webgrafía:
- https://recursos.cuentosparaconversar.net/
- https://www.edex.es/seis-propuestas-para-enriquecer-este-tiempo-de-confinamiento/
- https://www.fundacioncadah.org/web/articulo/ensenar-habitos-de-autonomia.html
- https://sepeap.org/recomendaciones-para-que-los-ninos-lleven-mejor-el-confinamiento/
- https://www.redcenit.com/9-consejos-cuarentena-con-ninos-con-tdah/
- https://www.redaccionmedica.com/secciones/psiquiatria/coronavirus-autismo-y-tdah-debemos-explicar-la-realidad-sin-dramatismo--7518&utm_source=publicacionmedica&utm_medium=email&utm_campaign=boletin
- https://www.facebook.com/anhidatdah/
- https://www.dobleequipovalencia.com/articulos/
- http://www.fundacionorange.es/aplicaciones/dia-a-dia/
No hay comentarios:
Publicar un comentario